14/12/05

Eleccións na Provincia da Coruña

Como sabes, o vindeiro día 14 de decembro de 2005 vanse celebrar as primeiras eleccións sindicais na nosa Empresa. Estas eleccións foron fomentadas por nós, co apoio da CIG, porque considerábamos que xa era hora de organizármonos e facer valer os nosos dereitos como traballadores e traballadoras de TRAGSEGA. Polo número de traballadores que somos en plantilla correspóndenos escoller cinco delegados e delegadas que formarán o Comité de Empresa. A nosa candidatura engloba a representación proporcional de todos os estamentos existentes na nosa Empresa (técnicos e técnicas de campo, de coordinación e de administración), ademais de proporcionar experiencia e coñecemento interno da estrutura e xestión da Empresa.Non debemos tomar as eleccións sindicais como un trámite ou unha preocupación duns poucos. Moi ao contrario, do seu resultado van depender os nosos horarios, o cumprimento e mellora do convenio colectivo, as condicións sociais, e en xeral todo o que nos afecta como traballadores e traballadoras desta Empresa. O Comité de Empresa ten dereito a que lle sexan comunicados pola dirección os novos contratos, planos de formación, sistemas de incentivos, sancións a traballadores, apertura de novos centros e actividades, balances económicos... e sobre estas cuestións emitir informes que deben ser tidos en conta, e que nalgúns casos son vinculantes. Ademais, os delegados e delegadas que escolleremos son as persoas que van poder negociar o convenio colectivo e ser a nosa voz en todas as negociacións coa empresa e coa nova Administración.

Ler máis...