22/6/07

COMUNICADO DE PRENSA 20/06/08



A Sección Sindical da CIG e CCOO en Tragsega queremos amosar a nosa preocupación pola situación de inseguridade laboral que vive o colectivo de traballadores e traballadoras que se dedican á execución dos plans de loita, control, prevención e erradicación de enfermidades do gando, con dependencia na Consellería de Medio Rural.


Trátase dun colectivo de en torno a 400 traballadores e traballadoras, entre técnicos veterinarios, veterinarios de campo, técnicos de laboratorio e persoal administrativo, onde apenas o 28% conta cun contrato indefinido. Lembremos que a UE emprega para definir unha situación de precariedade empresarial, entre outros parámetros, a existencia do 35% de temporalidade, cando no noso caso estamos a falar de máis do 70%. Destacamos tamén neste sentido que recentemente a Xunta de Galicia asinou un Pacto polo Emprego no que se pretende fomentar o emprego estábel. Non entendendo como se lle pode pedir a unha empresa privada que asine contratos fixos cando na Administración fomenta a temporalidade que estamos denunciando.


A profesionalidade, a preparación e a dedicación esixidas aos traballadores, non se corresponden coa compensación de temporalidade, eventualidade e precariedade que esta situación supón a un colectivo que non pode, por exemplo, solicitar unha hipoteca para unha vivenda, dado que non conta coa seguridade de manter o seu posto de traballo o ano seguinte. Colectivo cualificado que traballa en precario sen saber se o noso contrato rematará no mes de xullo, setembro ou no mes de decembro e esta situación alárgase xa moitos anos. É posíbel mesmo que exista unha situación de fraude de lei no 80% destes contratos temporais.


Existe ademais a preocupación polo que poda pasar en 2008. Coa reforma laboral na man moitas e moitos traballadores terían que ser indefinidos o día 1 de Xaneiro e sen embargo, pode ser, que precisamente por iso, non volvan a ser contratadas para deixar pasar uns meses antes de facerlles o novo contrato e perder este dereito.


Así pois, queremos chamar a atención sobre esta situación na que se vive e traballa diariamente. Dependendo dunha banda da Consellería de Medio Rural e traballando directamente para TRAGSEGA, empresa do Grupo TRAGSA, atopámonos nunha situación de indefensión e falla de información permanentes. A isto únese que a Consellería de Medio Rural ten manifestado ás centrais sindicais que coa creación da empresa pública SEAGA esta asumiría no futuro a prestación de servizos en materia gandeira. Non sabemos, pois non se nos comunicou nada por ningunha das partes, cal vai ser a situación do noso colectivo nese caso.


Solicitamos pois, información, supresión do continuado ocultismo e un posicionamento claro por parte da Consellería de Medio Rural e de Tragsega, sobre o noso futuro laboral. Así mesmo, demandamos unhas condicións dignas que nos permitan vivir do noso traballo sen a preocupación permanente na que nos atopamos na actualidade.



SECCIÓN SINDICAL DA CIG

SECCIÓN SINDICAL DE CCOO 20/06/08

No hay comentarios: