21/12/07

XUNTANZA URXENTE MANTIDA ENTRE OS COMITÉS PROVINCIAIS E A DIRECCIÓN DA EMPRESA EN SANTIAGO

Hoxe, 21 de decembro de 2007, houbo outra reunión convocada pola Dirección da Empresa, na que manifestaron 3 puntos principais:

1.- A Empresa comunica a súa intención de cubrir as baixas por maternidade que están vixentes actualmente de forma inminente. Pensan seguir o criterio de antigüidade e piden a conformidade dos Comités provinciais para incorporar persoal con contratos de interinidade. Os Comités aceptamos a súa proposta.

2.- A Empresa quere crear unha bolsa de traballo co persoal eventual que forma parte do cadro de persoal da Empresa dende hai anos. En caso de haber algunha contratación chamaríase a este persoal. Os criterios a seguir serían os de antigüidade e calidade técnica nos traballos realizados. Esta bolsa de traballo estaría feita para xaneiro de 2008 e piden a conformidade dos Comités e a súa participación na elaboración da mesma. Os Comités aceptamos a súa proposta.

3.- A Empresa informa da existencia de postos de traballo en Estremadura (aproximadamente 70 prazas) cunha duración de 3-4 meses, comezando o día 15 de xaneiro de 2008. Enviarán unha carta ao persoal eventual da Comunidade Galega co cuestionario de dispoñibilidade. Aquela xente que responda que está dispoñible será chamada para a súa incorporación en Estremadura. No caso de que xurdira algunha nova contratación posterior, aquí en Galicia, se seguirá contando con estes traballadores e traballadoras aínda que estean prestando os seus servizos en Estremadura.

Dende a CIG manifestamos que para nós a situación segue a ser a mesma na que estabamos. Os traballadores e traballadoras eventuais que deberan ser contratados o día 2 de xaneiro de 2008 en Galicia seguen sen traballo porque a Empresa quere burlar o Real Decreto que lles obriga a facelos indefinidos. Continuaremos os nosos esforzos para intentar modificar esta situación, aínda que a Empresa volveu a manifestarnos a súa decisión de non contratar a ninguén máis en Galicia.

Ler máis...

19/12/07

CONFIRMADA A “NEVEIRA”

Lamentablemente a noticia que esperabamos non escoitar, chegou por parte da Empresa onte (18/12/07). O 2 de xaneiro de 2008 só traballará no campo o persoal con contrato indefinido de Tragsega Galicia, e esta situación seguirá así ata que a Empresa o considere necesario. Polo que nos deron a entender esta necesidade vai a aparecer despois do mes de abril (non saben ben a fecha). Segundo Jesús González Bujanda e inviable realizar máis contratos indefinido. Falou da “responsabilidade” que ten a empresa cos seus traballadores actuais e do “custe social” que suporía ter que despedilos se chegase o caso de que non houbera traballo para eles.

Nos preguntámonos: e o custe social que están a sufrir agora mesmo eses traballadores e traballadoras?

Os delegados e delegadas da CIG levamos dende os nosos comezos, loitando por conseguir unha campaña de 12 meses. Por fin Medio Rural nos confirmou o alargamento da mesma ata 11 meses e 15 días comezando o día 2 de xaneiro de 2008. Esta noticia, en principio, é unha boa nova pois comporta un afianzamento da estabilidade laboral, non obstante, a empresa Tragsega, vaina utilizar para todo o contrario, pois lle dá xogo para realizar a campaña de saneamento anual, contratando aos veterinarios e veterinarias cunha antigüidade media de 50 meses, despois do mes de abril para burlar o Real Decreto-Lei 5/2006 de 9 de xuño e realizarlles contratos por obra e servizo en lugar de contratos indefinidos, como sería de xustiza.

Soamente nos queda dicir que intentaremos por todos os medios que dispoñamos, que a Empresa volva atrás coa súa decisión de non contratar a ninguén que teñan que facer indefinido, e a Empresa cumpra, non só co Real Decreto Lei, senón con todos os compromisos que adquiriron con nós ao longo de todo o ano 2007, cando reunión tras reunión aseguraban que a Empresa “sempre que haxa traballo contratará ao persoal segundo a antigüidade e os criterios técnicos, sen ter en conta que haxa que facelos fixos”.

Ler máis...

18/12/07

TRAGSEGA, EMPRESA PÚBLICA DE SANIDADE ANIMAL, BURLA A LEXISLACIÓN LABORAL

A Empresa Pública Tragsega en Galicia, pertencente ao Grupo TRAGSA, prescinde de 75 traballadores (veterinarios e administrativos) para efectuar as CAMPAÑAS DE SANEAMENTO GANDEIRO do ano 2008, incumprindo o Rela Decreto-Lei 5/2006 e a Lei 43/2006 que obriga a facer indefinidos ao persoal que leva traballando dende xaneiro de 2006, porque en xuño do 2008 posuiría dous o máis contratos encadeados cunha duración de 24 meses nun intervalo de 30 meses.

O pasado 30 de setembro de 2007 estes veterinarios e veterinarias deixaron de prestar servizos en Tragsega e non volverán a ser contratados ata maio do 2008 para así evitar realizarlles contratos indefinidos, ao transcorrer un intervalo superior a 6 meses sen traballar na Empresa. Estes compañeiros e compañeiras levan traballando unha media de 5 anos nas campañas de saneamento, aparte dos administrativos que levan entre 10 e 12 anos. Tragsega pertence o Grupo Empresarial Público Tragsa, que obtivo neste ano uns beneficios netos de 52 millóns de euros, sendo a empresa máis rendible da S.E.P.I. Aínda así non vai contratar a este colectivo de traballadores a principios do 2008, como viña facendo de forma ininterrompida dende o ano 2002.

A totalidade de delegados e delegadas sindicais de CCOO, CIG e UGT manifestamos enerxicamente a nosa REPULSA E INDIGNACIÓN pola actuación de TRAGSEGA, empresa estatal de capital público que, como tal empresa pública, debería de dar exemplo en materia de contratación de persoal, loita contra a precariedade laboral, estabilidade no emprego e cumprimento da lexislación vixente, seguindo así as directrices marcadas dende o Ministerio de Traballo.

Debido a todo o anterior, os catro Comités Provincias de Empresa de Tragsega Galicia reservámonos o dereito de tomar cantas medidas consideremos oportunas na salvagarda dos nosos dereitos laborais e os dos nosos compañeiros e compañeiras, entre os cales se inclúen a posibilidade de futuros paros e mobilizacións.

Ler máis...

17/12/07

CAMPAÑA DE 11 MESES E 15 DÍAS

Os delegados e delegadas da CIG Tragsega Galicia obtivemos a confirmación por parte da Consellería de Medio Rural da realización da campaña de saneamento de 2008 en 11 meses e 15 días, comezando o día 2 de xaneiro. Congratulámonos desta decisión que levabamos solicitando dende hai tempo.

Este alargamento da campaña foi unha das primeiras reivindicacións que mantivemos e, de feito, estaba incluída dentro dos programas electorais da CIG. Consideramos que é fundamental para o establecemento dunha estabilidade laboral dentro da Empresa Tragsega; e Medio Rural demostrou ser sensible a este respecto aceptando a nosa reivindicación, non obstante actualmente non pensa entremeterse nas contratacións que “vai” facer Tragsega sabendo que é “ningunha”.
O que non se pode tolerar é que a Empresa utilice este mellora precisamente para burlar a lei e seguir fomentando a precariedade laboral co beneplácito da Administración.

Ler máis...

13/12/07

Resumo xuntanza coa Consellería de Medio Rural

A Sección Sindical CIG-TRAGSEGA mantivo unha reunión coa Consellería de Medio Rural o día 10/12/2007 para falar das convocatorias de SEAGA con respecto á contratación de veterinarios e teleoperadores.

Alberte Souto manifestou unha vez máis a intención da Consellería de manter sen variacións as encomendas para TRAGSEGA salvo o que respecta ao CIAG, que pasará a SEAGA dentro do primeiro trimestre de 2008.

Segundo Alberte Souto, o groso do saneamento non sufrirá variacións no 2008 e posiblemente tampouco no 2009. É probable que algunha actividade parcial relacionada co saneamento (Plan Nacional, segundas voltas,...) sexan realizadas por SEAGA. Non obstante, indicou que ante calquera alerta sanitaria, é Tragsega a empresa capacitada para dar resposta a estes imprevistos.

Respecto do prego de condicións para 2008 estará rematado antes do 14 de decembro e nel establecerase a duración anual da campaña, entre 11 e 12 meses, o que será determinante para que a Empresa organice o volume de persoal necesario para a vindeira campaña. A. Souto mantén que non é competencia de Medio Rural entremeterse na organización do servizo e que será Tragsega quen realice as contratacións (do tipo que sexa, no número que estime oportuno, e baixo os criterios que determine). Polo que a Sección sindical CIG, estará moi pendente desta cuestión sen descartar mobilizacións, no caso de que Tragsega pretenda facer uso da chamada “neveira”

[termo empregado para indicar que un traballador ou traballadora deixa de ser contratado/a polo tempo suficiente para que perda o seu dereito (e a obriga da Empresa) a que lle subscriban un contrato indefinido –“pasar a alguén á neveira”]

Respecto das listas previas para saneamento en SEAGA, serán válidas para dous anos, pero non haberá contratacións dese perfil profesional. O día que se fagan, a experiencia laboral do persoal vaise ter en conta dentro de cada categoría e perfil, e chegado o caso, Alberte Souto afirma que terá en conta a situación dos traballadores de TRAGSEGA e porase en contacto con nós para estudar o traspase do persoal indefinido de TRAGSEGA a SEAGA, sen descartar a fórmula da subrogación (se xuridicamente é posíbel).

Por último, a contratación dos traballadores e traballadoras do CIAG en SEAGA, no primeiro trimestre de 2008, farase segundo as bases da convocatoria de selección de persoal de SEAGA, e o persoal indefinido do CIAG, reiterou que era competencia de TRAGSEGA emprazalo noutros postos de traballo do GRUPO.

Ler máis...

12/12/07

Actuacións do Presidente do Comité Empresa Lugo


Emilio Pardo, como representante da UGT e presidente do comité de empresa de TRAGSEGA Lugo, solicitou e conseguiu ( en base ó interese dos traballadores) a baixa da lista de representantes sindicais da CIG en Lugo dos traballadores eventuais que figuraban na mesma e que xa non están na empresa, co cal no improbable caso de que algunha das persoas que ían na mesma fosen contratadas de novo, non poderían optar ós postos de representantes sindicais que quedaron vacantes e que pertencen á CIG, ata que se celebren outras eleccións dentro de dous anos.


Isto aínda que legal (xa que os candidatos á representación sindical da CIG estamos fóra da empresa) é eticamente moi cuestionable, xa que ignora a vontade de moitos traballadores que cos seus votos deron apoio a esas listas para que houbese una maior pluralidade no comité. O máis cuestionable é que nin sequera foi a propia empresa a que solicitou a baixa dos traballadores que integraban as listas, senón que foi o presidente do comité quen o fixo.


De decisións como esta podemos extraer que hai un interese manifesto en que a información que chegue ó traballador sexa monopolizada a través dunha única vía (co risco que implica que dita información poida ser sesgada ou manipulada por intereses individuais ou partidistas). A partir de agora só existirá un interlocutor válido entre a empresa e os traballadores e extraballadores de TRAGSEGA en Lugo.

Exemplo do anteriormente exposto é a convocatoria de manifestacións o próximo día dezaoito en Santiago contra a política do BNG, que dá a impresión de ser unha manipulación descarada dós traballadores, xa que a convocatoria aparenta ser un acto de precampaña organizado polo PSOE en vez de ser un acto en defensa dos traballadores.

De non ser así é difícil de entender que non se mencione ningunha critica á actuación doutros grupos políticos que forman parte da Xunta e que son copartícipes das decisións que se toman na mesma, e o que é máis grave é que se perda o tempo en convocatorias deste tipo en vez de estar defendendo os intereses reais dos compañeiros fronte á empresa, sobre todo en datas nas que se tería que estar negociando incorporacións, horarios laborais, etc.

Ler máis...

10/12/07

CONTRATACIÓNS PARA A CAMPAÑA DE SANEAMENTO 2008

A sección sindical CIG-TRAGSEGA, en previsión da organización da campaña de saneamento de 2008, espera que a Empresa respecte o compromiso ratificado en varias reunións coa representación sindical, polo que a Delegada Autonómica do Grupo Tragsa e a Directora Autonómica de Recursos Humanos , comprometíanse a respectar a antigüidade dos traballadores e traballadoras nas contratacións para a campaña de saneamento do 2008, sen ter en conta que o tipo de contrato a realizar, sexa indefinido, porque así obrigue a lei atendendo ao histórico de contratacións subscrita entre Tragsega e os veterinarios e veterinarias.

Segundo palabras textuais da Delegada Autonómica transmitidas aos/ás Delegados/as de persoal “sempre que haxa traballo contratará ao persoal segundo a antigüidade e os criterios técnicos, sen ter en conta que haxa que facelos fixos”.

A sección sindical CIG quere expresar que este é un punto fundamental na nosa loita por un traballo digno, de forma inminente.

O persoal que finalizou o seu contrato por obra e servizo o 30 de setembro e 9 de novembro do 2007 e veu sendo contratada para as sucesivas campañas, DEBE DE SER CONTRATADA EN XANEIRO DE 2008. O Decreto de xullo do 2006 foi redactado para acabar coa precariedade e a temporalidade laboral, non para provocar despedimentos inxustificados e para escabullarse de realizar contratacións indefinidas.

Como saberedes hai pouco, compañeiros e compañeiras de Tragsatec manifestáronse pola alta porcentaxe de temporalidade do cadro de persoal do Grupo TRAGSA e o propio Zapatero díxolles non ter coñecemento deste feito, que se informaría, e de ser así, trataría de solucionalo.

Dende logo, entendemos que para 2008 é preciso contar co mesmo persoal que no 2007 e non entenderíamos que se fixera unha previsión do traballo para a campaña do 2008 pensando en contratar novo persoal a mediados de ano, para así conseguir que moitos traballadores e traballadoras perderan os seus dereitos para ser indefinidos, posto que levan realizando ó saneamento durante anos.

Ler máis...