11/1/08

XUNTANZA EN MADRID COA DIRECCIÓN DA EMPRESA_08/01/08

Dende o mes de maio do 2007 a CIG a través da súa sección sindical en Tragsega solicitou en reiteradas ocasións a adhesión aos acordos firmados entre a dirección da empresa e os traballadores/as de Tragsatec, sen obter ningunha resposta. Por fin o 17 de decembro hai unha convocatoria por parte da dirección da empresa sen orde do día. Nós, ilusos, pensamos que por fin íamos asinar as tan ansiadas melloras (días de asuntos propios, ampliación dos permiso retribuídos, aumento das dietas, melloras nas xornadas laborais,…) pero non foi así.

A reunión tratábase dunha proposta da UGT para constituír unha mesa negociadora dun acordo marco. Realmente ao principio tratouse dunha proposta da UGT pero ao final rematou sendo unha proposta da empresa (¿cando unha e cando a outra?).
Houbo moita tensión e a idea da UGT era constituír esa mesa negociadora no mesmo día, “co apoio de CCOO e CIG ou sin el”, baseándose na súa maioría esmagante que nos refregaron sen parar en todo momento. Onde está o respecto as minorías? Se realmente quixeran contar coa CIG e CCOO para negociar coa empresa falarían antes con nós e non con eles como fixeron, dándonos todo o traballo feito sen poder dar sequera a nosa opinión.
Esperaban que a CIG non asinara a constitución da mesa, pero non contaban coa negativa de CCOO (que ao igual que nós, dixeron que tiñan que estudar a situación antes de dar unha contestación, e que as formas non eran as axeitadas). Ante a perspectiva de que CIG e/ou CCOO botaran para atrás o tema, Bustillo (Subdirector de RR. HH. do Grupo Tragsa) pospuxo a constitución da Mesa, para o día 31 de xaneiro.

Resumindo: A Dirección da Empresa (¿non era UGT?) propón a constitución dunha mesa negociadora dun Acordo Marco con 7 persoas (5 de UGT + 1 de CIG + 1 de CCOO). Queda pendente unha reunión para o día 31 de xaneiro para a constitución da mesma e ratificación do número de integrantes, distribución dos mesmo e dar nomes.

Parece ser que a UGT vai dicindo que a Mesa xa está constituída. Vai ser que non. Polo menos non coa CIG. A ver se a ratificaron coa empresa unha vez rematada a nosa xuntanza...

O día 31 de xaneiro, non imos a asinar a constitución da Mesa posto que se o fixeramos nos termos que eles propoñen sería suicidar a representación da CIG (tamén a de CCOO) e a quen realmente deixan sen representación é aos traballadores e traballadoras a quen representa a CIG, como a UGT fixo en Lugo. Non chegamos ata aquí para deixar que agora veñan 5 delegados da UGT a decidir por nós e darlles un cheque en branco para que fagan o que lles pete.

A unidade UGT-EMPRESA xa está a día de hoxe moi afianzada. Non dubidamos que conseguirán as melloras que todos queremos, como días de asuntos propios, incremento dos permisos retribuídos, diminución da xornada laboral, aumento das dietas… e todos nós congratularémonos das mesmas. Pero si para conseguir isto temos que pasar por renunciar a unha estabilidade laboral que todos estamos demandando a berros (tanto os que estamos traballando como os que están no paro) parécenos que é un prezo moi alto. Dende a CIG seguimos a denunciar a situación de precariedade laboral na que nos atopamos e non nos calarán con 3 horas menos de xornada que ao final imos facer igual sen que nolas paguen.

No hay comentarios: