10/8/07

NOTA DE PRENSA TRAGSEGA, S.A,




As seccións sindicais CIG, CCOO e UGT da empresa TRAGSEGA, S.A. (Sanidad Animal y Servicios Ganaderos, S.A.), empresa filial do GRUPO TRAGSA e na que actualmente están empregados cerca de 400 traballadores e traballadoras, pola presente, quere denunciar as actuacións que actualmente está a realizar a Consellería do Medio Rural, da Xunta de Galicia, coa creación e provisión de empregados da empresa SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.), para asumir proxectos que dende hai seis anos levan realizando os empregados e empregadas de TRAGSEGA e aos que agora, a Consellería pretende ignorar.


TRAGSEGA, S.A., empresa pública de ámbito estatal, por medio dos seus veterinarios, persoal técnico e administrativo vén realizando en Galicia desde o ano 2002, con calidade contrastada, obrigatorias labores para o fomento da
sanidade animal e a prevención de enfermidades do gando galego.


A pesar da eficiencia, a calidade, a experiencia coñecida e os dereitos laborais adquiridos polos traballadores e traballadoras de TRAGSEGA, a Consellería do Medio Rural, vén de crear outra empresa pública galega ao servizo da Administración, con igual obxecto social que as empresas que conforman o GRUPO TRAGSA: TRAGSA, TRAGSEGA e TRAGSATEC
.




No primeiro trimestre
deste ano 2007, SEAGA comezou a realizar procesos de selección de persoal, para a provisión de persoal eventual e fixo de varios ámbitos profesionais para a coordinación e desenvolvementos dos traballos de prevención e extinción dos lumes forestais , e a continuación pretende integrar todos os proxectos de gandería que actualmente realizan os traballadores e traballadoras de Tragsega.


A Consellería de Medio Rural acaba de confirmar a retirada da encomenda da realización de varias actividades de servizos gandeiros a TRAGSEGA, para pasar a ser SEAGA quen realice tales ENCARGOS, sen mencionar cal vai ser o futuro do total do persoal, tanto do indefinido como do eventual.


Durante seis anos empregados e empregadas de TRAGSEGA foron contratados para realizar uns traballos solicitados directamente pola Administración. Actualmente non poderán volver ser contratados por TRAGSEGA posto que xa non será esta empresa pública senón a outra, sen ningunha experiencia no campo dos servizos gandeiros: SEAGA, a que pasará a asumir eses traballos. É sabido que a día de hoxe Medio Rural mantén relación directa con outros colectivos para negociar a forma de incorporarse a SEAGA, pero en ningún momento houbo ningún tipo de información aos representantes dos traballadores e traballadoras de Tragsega, a pesar de coñecer a preocupación e situación laboral, deste colectivo desde hai meses.


Todo o persoal de TRAGSEGA esixe información e responsabilidades por parte da Consellería do Medio Rural acerca das súas pretensións con SEAGA, e do futuro dos postos de traballo dos empregados e empregadas experimentados de TRAGSEGA, que neste momento non lles pode asegurar ningún posto de traballo sen o compromiso da propia Consellería, e do que se deriva unha situación laboral de indefensión total.


O traspaso destes traballos relacionados coas actividades veterinarias, desde TRAGSEGA a SEAGA está a facerse de costas aos comités de empresa e sen ter en conta a experiencia e relacións contractuais dos traballadores e traballadoras con TRAGSEGA.


Así pois, os empregados e empregadas de TRAGSEGA, por medio da súa representación das SECCIÓNS SINDICAIS da CIG, CCOO e UGT, denuncia estas inxustizas laborais, solicitan da Consellería de Medio Rural, explicacións inmediatas ao respecto, e negociación das formas na que está a facer o transvase de encomendas dunha empresa pública experta á outra creada para eliminar a esta primeira.







No hay comentarios: