13/12/07

Resumo xuntanza coa Consellería de Medio Rural

A Sección Sindical CIG-TRAGSEGA mantivo unha reunión coa Consellería de Medio Rural o día 10/12/2007 para falar das convocatorias de SEAGA con respecto á contratación de veterinarios e teleoperadores.

Alberte Souto manifestou unha vez máis a intención da Consellería de manter sen variacións as encomendas para TRAGSEGA salvo o que respecta ao CIAG, que pasará a SEAGA dentro do primeiro trimestre de 2008.

Segundo Alberte Souto, o groso do saneamento non sufrirá variacións no 2008 e posiblemente tampouco no 2009. É probable que algunha actividade parcial relacionada co saneamento (Plan Nacional, segundas voltas,...) sexan realizadas por SEAGA. Non obstante, indicou que ante calquera alerta sanitaria, é Tragsega a empresa capacitada para dar resposta a estes imprevistos.

Respecto do prego de condicións para 2008 estará rematado antes do 14 de decembro e nel establecerase a duración anual da campaña, entre 11 e 12 meses, o que será determinante para que a Empresa organice o volume de persoal necesario para a vindeira campaña. A. Souto mantén que non é competencia de Medio Rural entremeterse na organización do servizo e que será Tragsega quen realice as contratacións (do tipo que sexa, no número que estime oportuno, e baixo os criterios que determine). Polo que a Sección sindical CIG, estará moi pendente desta cuestión sen descartar mobilizacións, no caso de que Tragsega pretenda facer uso da chamada “neveira”

[termo empregado para indicar que un traballador ou traballadora deixa de ser contratado/a polo tempo suficiente para que perda o seu dereito (e a obriga da Empresa) a que lle subscriban un contrato indefinido –“pasar a alguén á neveira”]

Respecto das listas previas para saneamento en SEAGA, serán válidas para dous anos, pero non haberá contratacións dese perfil profesional. O día que se fagan, a experiencia laboral do persoal vaise ter en conta dentro de cada categoría e perfil, e chegado o caso, Alberte Souto afirma que terá en conta a situación dos traballadores de TRAGSEGA e porase en contacto con nós para estudar o traspase do persoal indefinido de TRAGSEGA a SEAGA, sen descartar a fórmula da subrogación (se xuridicamente é posíbel).

Por último, a contratación dos traballadores e traballadoras do CIAG en SEAGA, no primeiro trimestre de 2008, farase segundo as bases da convocatoria de selección de persoal de SEAGA, e o persoal indefinido do CIAG, reiterou que era competencia de TRAGSEGA emprazalo noutros postos de traballo do GRUPO.