18/12/07

TRAGSEGA, EMPRESA PÚBLICA DE SANIDADE ANIMAL, BURLA A LEXISLACIÓN LABORAL

A Empresa Pública Tragsega en Galicia, pertencente ao Grupo TRAGSA, prescinde de 75 traballadores (veterinarios e administrativos) para efectuar as CAMPAÑAS DE SANEAMENTO GANDEIRO do ano 2008, incumprindo o Rela Decreto-Lei 5/2006 e a Lei 43/2006 que obriga a facer indefinidos ao persoal que leva traballando dende xaneiro de 2006, porque en xuño do 2008 posuiría dous o máis contratos encadeados cunha duración de 24 meses nun intervalo de 30 meses.

O pasado 30 de setembro de 2007 estes veterinarios e veterinarias deixaron de prestar servizos en Tragsega e non volverán a ser contratados ata maio do 2008 para así evitar realizarlles contratos indefinidos, ao transcorrer un intervalo superior a 6 meses sen traballar na Empresa. Estes compañeiros e compañeiras levan traballando unha media de 5 anos nas campañas de saneamento, aparte dos administrativos que levan entre 10 e 12 anos. Tragsega pertence o Grupo Empresarial Público Tragsa, que obtivo neste ano uns beneficios netos de 52 millóns de euros, sendo a empresa máis rendible da S.E.P.I. Aínda así non vai contratar a este colectivo de traballadores a principios do 2008, como viña facendo de forma ininterrompida dende o ano 2002.

A totalidade de delegados e delegadas sindicais de CCOO, CIG e UGT manifestamos enerxicamente a nosa REPULSA E INDIGNACIÓN pola actuación de TRAGSEGA, empresa estatal de capital público que, como tal empresa pública, debería de dar exemplo en materia de contratación de persoal, loita contra a precariedade laboral, estabilidade no emprego e cumprimento da lexislación vixente, seguindo así as directrices marcadas dende o Ministerio de Traballo.

Debido a todo o anterior, os catro Comités Provincias de Empresa de Tragsega Galicia reservámonos o dereito de tomar cantas medidas consideremos oportunas na salvagarda dos nosos dereitos laborais e os dos nosos compañeiros e compañeiras, entre os cales se inclúen a posibilidade de futuros paros e mobilizacións.

No hay comentarios: